CP1P

by Paula Alfonso

Regresar ao pobo é unha reacción instintiva. Tal vez por isto, intervir na antiga casa dos avós, que agarda por nós, responda tamén a esa pulsión que induce á volta: favorecer un aire de retiro, protexer a memoria, a compaña e o tempo.

Sempre se tratou de respectar uns principios de sobriedade e suficiencia. Conservamos toda a estrutura, apenas intervimos en cuberta, aproveitamos fachadas e pavimentos, modificando minimamente os ocos existentes para adaptalos ós novos estándares de iluminación e ventilación esixidos.

A materialidade dos acabados é un asunto presente ó longo de todo o proceso. O acabado grisáceo e tosco do SATE peiteado a man contrasta coa levedade e amabilidade da madeira nas carpinterías exteriores. No interior chans e teitos execútanse como pezas únicas continuas en cemento pulido, xerando unha percepción profunda e diáfana do espazo. A escaleira mantense na súa posición orixinal, conseguindo un novo status dentro do programa ao convertela nun elemento omnipresente. Eliminamos os seus límites perimetrais e colocamos unha estrutura porticada de madeira para a súa suxeición, abríndoa ás tres plantas e deixando, en planta baixa, o espazo para unha árbore. Modificamos totalmente a súa linguaxe. Agora é unha escaleira de corrala, de patio, onde a contemplación é parte da súa función.

A nova distribución de estancias debuxa a pegada da antiga no trazado do chan; pulimos parqué e pavimento cerámico convertendo os antigos tabiques, agora derrubados, en cicatrices recheas de microcemento que deixan constancia do que alí acubillou antes esta vivenda.

A escaseza de divisións e o uso de portas corredoiras favorece unha relación flexible entre os espazos que da unha ampla liberdade que define o programa e a nova imaxe desta casa.

Comparte: