SKATEPARK

by Paula Alfonso

Este proxecto atende á demanda popular de creación de espazos saudables, que potencien a actividade física e a socialización, así como a reordenación do espazo público con ambientes idóneos para todas as idades e actividades. Neste caso concreto, buscando cubrir as necesidades de prácticas tales como o skate, a calistenia e o parkour.

A práctica destas disciplinas estivo sempre asociada ao mundo urbano. Aínda que o skate debuta nos xogos olímpicos no ano 2020, é no streetstyle onde mantén o seu espírito máis primario. Os skateparks poden entenderse como unha combinación de fosos, planos inclinados e todo tipo de mobiliario urbano que serven para a realización de distintas acrobacias dentro do mundo do skate. Tanto para os que son mais de patines ou táboa como para os que prefiren a bicicleta, estes espazos multifuncionais son o lugar perfecto para a súa práctica. O parkour, por outra banda, é a arte do desprazamento, unha disciplina física baseada na capacidade de trasladarse dun punto a outro da maneira máis eficiente posible. A súa práctica implica respecto aos cidadáns e un coñecemento excepcional da súa contorna. Por último a calistenia, un sistema de adestramento que se vale do peso corporal, buscando a beleza e a harmonía do movemento en cada exercicio, converténdoa nunha actividade apta para o público de todas as idades.

A nosa proposta consiste nunha praza moi dinámica. A espiral de Fibonacci, ou espiral áurea, relacionada co as ondas e o movemento, é o fío condutor dun deseño que expresa fluidez e dinamismo.

Desta forma, organizamos o espazo en varias zonas: o bowl, adicado á práctica de skate, sitúase no centro da espiral, aproveitando esta xeometría; os recorridos por ramplas, escaleiras e varandas, onde os afeccionados realizan series de acrobacias e saltos sitúase bordeando o lombo da espiral e, por último, a zona de parkour e calistenia, onde os usuarios poderán desenvolverse nun entorno controlado de muros, varandas e barras situado cara ao borde interior da praza. Así, todas estas prácticas, perfectamente compatibles, permiten una convivencia amable dos seus espazos, que se mesturan en perfecta harmonía.

Comparte: