Zaragozano

by Paula Alfonso

Atopámonos cun piso de 186 m2 construídos hai 45 anos, nunha planta quinta con catro fachadas ao centro de Cambados e a primeirísima liña de mar. O noso obxectivo é conseguir potenciar e que se vexa o que xa temos, que é moitísimo pero permanece oculto tras unha excesiva compartimentación.

PREMISAS:
-Potenciar vistas cruzadas: continuidade visual
-Completar recorrido circular
-Ordenar orientación

Para iso conseguimos distribuír todas as estancias, con maior ou menor grao de apertura e intimidade, ao redor dun percorrido circular completo que nos garante todas as vistas cruzadas. Desde cada punto téñense que ver as vistas da fachada oposta, mostrándonos a seguinte estancia. Deixamos un gran espazo de vida que abarca dunha soa visual todo o trazado do sol: cociña e xantar ao amencer e mediodía, salón a tarde e despacho a poñente.

O deseño das portas interiores, todas distintas e todas a medida, foi moi importante neste proxecto xa que a elas correspóndelles redebuxar e confundir límites e graduar a intimidade para cada estancia e para cada momento, conseguindo flexibilizar espazos e difuminar as estancias.

O inevitable núcleo central de instalacións comúns do edificio individualízase, separándose fisicamente do teito e materialmente das estancias circundantes ao empregar o ladrillo cara vista como elemento diferenciador. A complicidade e confianza entre arquitecta e clientes permitiu xogar dunha maneira desenfadada co emprego de materiais na súa vertente máis espida: ensinamos a estrutura de formigón preexistente, empregamos ladrillo rústico natural ou pintado, instalacións á vista, alicatados degradados en gran formato, cobre, latón, ferraxes e madeira, moita madeira, en acabados naturais ou con lasures como na galería da cociña.

Fuximos do exceso decorativo, deixando o protagonismo aos materiais na procura dun concepto global de limpeza industrial.