T-RGV

by Paula Alfonso

Unha parcela con moitas limitacións urbanísticas e o desexo dun fogar familiar. O programa era sinxelo: unha planta baixa con espazo para tres habitacións e zonas comúns de cociña e salón-comedor, que tivese como prioridade unha boa ventilación e iluminación sen olvidar potenciar as vistas dende o interior cara ao oeste.

Plantexamos unha organización sinxela en forma de T. O acceso, situado no centro, da directamente a unha zona que fai as veces de recibidor entre a cociña e o salón-comedor, formando un eixo leste-oeste que separa, por un lado, o dormitorio principal co seu vestidor e baño individual e, por outro lado, os dous dormitorios restantes e o baño principal.

Así, os dormitorios e a cociña aproveitan o sol do amencer, e o gran espazo común de salón e comedor aproveita as vistas da orientación oeste que se abre ao xardín.

A materialidade do sate en cor branca e a pedra natural contrasta coa viveza das cores verdes da parcela e o azul do ceo cando o día está mais soleado, mais os días nublados, todo se confunde na paisaxe e os ocos das fachadas enmarcados nas súas carpinterías negras cobran máis protagonismo.

Comparte: